O Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) acolleu a reunión de seguimento e análise do estudo piloto de Peneira, unha ferramenta en liña gratuíta desenvolvida desenvolvida polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Peneira permite recoller datos de campo de maneira sinxela e descargalos posteriormente para a súa análise, promovendo o desenvolvemento de proxectos de investigación escolar e ciencia cidadá en ámbitos moi diversos.
Na reunión participou profesorado dos centros educativos que forman parte desta fase do estudo piloto: IES Eduardo Pondal (Ponteceso), CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel), IES Agra de Leborís (A Laracha), IES de Soutomaior, IES Pedra da Aguia (Camariñas), IES A Basella (Vilanova de Arousa) e IES Moncho Valcarce (As Pontes de García Rodríguez).
Durante o encontro, os centros puxeron en común a súa experiencia ao longo deste curso, compartindo valoracións sobre o uso da ferramenta, as posibilidades educativas detectadas, as dificultades atopadas e diferentes propostas de mellora de cara á continuidade do estudo piloto no vindeiro curso académico. Así mesmo, presentáronse experiencias desenvolvidas en ámbitos como o medio ambiente, as ciencias da vida, o patrimonio, a sensórica ou a astronomía.
A pilotaxe continuará o vindeiro curso escolar, coa incorporación de novas funcionalidades e a validación da integración de sensores en contornas reais de ensino.
Con esta iniciativa, o CIEDix continúa impulsando proxectos de innovación educativa orientados á integración de solucións dixitais abertas, sostibles e con alto aproveitamento didáctico nas aulas galegas.