
O Centro de Innovación Educativa e Dixital participou na 10ª edición da Feira de SIMO Educación, un dos eventos máis importantes no ámbito da tecnoloxía aplicada ao ensino en España con máis de 9000 visitantes. Por primeira vez a Xunta de Galicia instalou un stand para amosar o modelo educativo galego de éxito acreditado polos seus resultados.
Neste espazo, realizado polo CIEDix, presentáronse diversas iniciativas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional entre as que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Ademais, presentouse o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional, que posibilita unha matrícula récord.
Durante os tres días que durou o evento fixéronse demostracións en directo dos proxectos Ágora Dixital, unha plataforma de recursos dixitais a disposición do profesorado para axudalo a desenvolver o seu labor na aula con propostas de aprendizaxe innovadoras e experimentais, cREAgal, unha iniciativa que permite avanzar na ensinanza híbrida con materiais dixitais adaptados aos currículos educativos galegos e na que hai recursos gratuítos deseñados por un cento de docentes e o Galiverso, no que se emprega a realidade virtual con fins pedagóxicos.
Entre as características máis salientables do stand estiveron o emprego da intelixencia artificial, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta.