O CIEDix colabora na creación dun recurso dixital educativo sobre a paisaxe e a cultura galegas
Mér, 29/07/2026 - 17:03
Sinatura

O CIEDix acolleu hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e o Consello da Cultura Galega para desenvolver un novo proxecto dixital educativo destinado a promover o coñecemento da xeografía, da paisaxe, da literatura e do patrimonio cultural de Galicia.

A iniciativa, que se porá en marcha o próximo curso, contribuirá a reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ensino e a divulgar a riqueza cultural, territorial e patrimonial de Galicia.

O proxecto, consistente nunha ferramenta web interactiva baseada na gamificación, permitirá identificar diferentes espazos de Galicia a partir da obra de Ramón Otero Pedrayo, das súas descricións da paisaxe galega e doutras referencias culturais. A medida que avance o seu desenvolvemento, poderán incorporarse outros autores, autoras e enfoques vinculados á realidade cultural e territorial de Galicia.

O CIEDix participará no deseño educativo, metodolóxico e funcional da ferramenta, así como na análise da súa adecuación como recurso dixital para os centros educativos. Esta colaboración permitirá explorar novos formatos de aprendizaxe e reforzará o papel do centro no deseño, na análise e na validación de recursos educativos dixitais innovadores.