Preséntase Ágora Dixital, unha nova plataforma con recursos STEM creados por e para profesorado

Xov, 26/09/2024 - 15:16
Presentación

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación de Ágora Dixital, unha nova plataforma de recursos para axudar o profesorado a desenvolver metodoloxías innovadoras na aula e que xorde da necesidade de contar cun espazo público no que atopar ideas, estratexias e actividades para empregar na clase, especialmente no relativo ás competencias STEM e tecnolóxicas, que se enfrontan na actualidade a unha constante actualización e novos retos. 

Ágora Dixital, un proxecto coordinado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) funciona como unha praza aberta á comunidade educativa na que os docentes poden atopar recursos dixitais para empregar na aula e elaborar outros novos. Os materiais están baseados nunha aprendizaxe experimental, significativa, flexible, de curta duración e moi específica co fin de facilitar a transformación educativa nun clic.

Ágora Dixital destaca pola súa fiabilidade, xa que conta con materiais elaborados por profesores e persoal experto, pola súa practicidade, dado que están testados en contextos reais na aula, e pola súa dispoñibilidade en galego e en castelán. Todos eles presentan unhas características comúns, con etiquetas para clasificar, organizar e facer buscas entre todas as publicacións que se recollen.

As publicacións de Ágora Dixital están estruturadas en seis apartados ou laboratorios: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Ideas, LAB-Expert, LAB-IA O LAB-Microsecuencias propón microexperiencias de aprendizaxe reproducibles na aula, por exemplo aprender como funciona o sensor de aparcamento dun coche empregando materiais de robótica; mentres que no LAB-Espazos se ofrecen consellos para a creación de novos espazos de aprendizaxe en base ás experiencias doutros centros, como o uso das aulas sensoriais. Pola súa banda, o LAB-Estratexias céntrase en propoñer metodoloxías de aprendizaxe innovadoras (como o discurso lóstrego) e o LAB-Ideas funciona como unha porta aberta a outros recursos ou convocatorias de interese. Neste último apartado pode atoparse, por exemplo, un achegamento aos recursos didácticos en liña do CERN. LAB-Expert céntrase en entrevistas, en formato vídeo curto, con persoas expertas do mundo dixital e STEM e a educación sobre tendencias emerxentes.

No catálogo actual pódese atopar unha conversa na que a pedagoga Nélida Zaitegi aborda a convivencia positiva, eido no que é unha recoñecida experta, ou co investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña, Francisco Bellas, que afonda no impacto desta no ensino, entre outras entrevistas.

Precisamente o último dos apartados da plataforma, LAB-IA, dedícase ao persoal docente que desexe iniciarse na intelixencia artificial, un dos grandes desafíos do ensino a medio prazo. Inclúe pequenas achegas sobre a implementación da intelixencia artificial a nivel educativo para persoas que desexen iniciarse nesta temática, arredor de conceptos como a árbore de decisións ou a aplicación ChatGPT.