
O pasado 8 de abril, unha delegación da rexión académica da Bretaña (Francia), composta por persoas inspectoras e responsables de áreas como a inclusión, as linguas estranxeiras ou a formación docente, visitou o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) co obxectivo de coñecer de preto a súa estrutura, instalacións, equipamento e metodoloxía de traballo.
A delegación bretoa mostrou un especial interese polo carácter singular do CIEDix dentro da administración educativa galega: un centro composto por persoal asesor con ampla experiencia en diversas áreas do ecosistema educativo e dedicado en exclusiva á investigación, análise e implementación de solucións innovadoras baseadas en evidencias para mellorar a práctica educativa nos centros.
Ao non contar cun organismo de características semellantes na súa rexión, esta visita supuxo unha oportunidade para explorar o funcionamento dun modelo institucional que conecta directamente coa realidade da aula e coas necesidades do profesorado. A xornada permitiu compartir experiencias e estratexias arredor dos retos comúns aos que se enfrontan os sistemas educativos europeos, nun contexto no que a innovación e a cooperación son clave.