O Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) finalizou con éxito as súas primeiras estadías formativas, nas que os docentes Eva Castro e Francisco Ávila desenvolveron un innovador recurso educativo en aberto titulado “Visita guiada ao noso patrimonio”. Esta iniciativa, realizada ao amparo dunha licenza por formación, na Submodalidade 1.b.3, reflicte o compromiso do profesorado galego coa integración de novas metodoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe.
O recurso educativo busca implicar o alumnado na creación dun espazo expositivo escolar que amose á comunidade educativa o resultado das súas investigacións sobre elementos patrimoniais da contorna extrapolable a cada centro escolar. Esta proposta promove a valoración e conservación do patrimonio cultural local, fomentando a participación activa dos e das estudantes no seu estudo e difusión.
As actividades inclúen tarefas como o deseño do proxecto expositivo, a catalogación dos elementos seleccionados, a organización dos espazos de exhibición e a planificación de accións de difusión. Ademais, o alumnado terá a oportunidade de elaborar acreditacións, desenvolver audioguías e crear percorridos virtuais, garantindo que o proxecto sexa accesible para todos os membros da comunidade. Un dos aspectos clave do recurso é a súa énfase na seguridade durante a exposición, reforzando o compromiso cunha experiencia educativa integradora e inclusiva.
O proxecto permite o alumnado adquirir competencias en investigación, traballo en equipo e comunicación, ao tempo que reforza o seu vínculo co patrimonio cultural local. A través da creación deste espazo expositivo, o estudantado contribúe á posta en valor dos bens culturais da súa contorna, sensibilizando á comunidade sobre a importancia da súa preservación para as xeracións futuras.