O grupo de traballo de Ágora Dixital reúnese no CIEDix para desenvolver microsecuencias STEM
Xov, 23/11/2023 - 11:05
GT Ágora Dixital

O persoal docente integrante do grupo de traballo do proxecto Ágora Dixital reuniuse no Centro de Innovación Educativa e Dixital o pasado 23 de novembro de 2023. Esta sesión de traballo conxunta orientouse á creación e deseño de novas microsecuencias de aprendizaxe para a área STEM. As microsecuencias de Ágora Dixital son recursos educativos de carácter pluridisciplinar baseados na experimentación e no enfoque indagativo e manipulativo para as etapas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.


O proxecto de Ágora Dixital pretende crear unha praza aberta na que docentes de toda Galicia coñezan os avances do ensino dixital. O portal fornece información e contidos en diferentes espazos vinculados coas temáticas STE(A)M. Alén do espazo dedicado ás microsecuencias, o LAB-Microsecuencias, Ágora Dixital conta co LAB-Espazos, con tips para a transformación de espazos educativos, así como para a creación de novos espazos de aprendizaxe; LAB-Estratexias, con achegas para coñecer e implementar diversas metodoloxías e estratexias de aprendizaxe na aula; LAB-Expert, con entrevistas a persoas expertas sobre tendencias emerxentes; LAB-Ideas, un punto de reunión e participación para compartir e recomendar información valiosa para o profesorado en forma de recursos, convocatorias, premios, formacións, pilotaxes, proxectos…. e LAB-IA, con pílulas de información e recursos sobre como integrar a intelixencia artificial na educación.