CIEDixLab é unha iniciativa orientada á análise, experimentación e avaliación de solucións tecnolóxicas para o ámbito educativo, con especial foco nas baseadas en intelixencia artificial.
O proxecto nace da necesidade de dar resposta ao uso crecente de ferramentas de intelixencia artificial, especialmente de carácter xerativo, e de facilitar a toma de decisións fundamentadas en evidencias, en consonancia co marco legal vixente e coas necesidades reais dos centros educativos.
CIEDixLab configúrase como unha contorna experimental en evolución, desenvolvida arredor de Moodle, no que se proban diferentes integracións de intelixencia artificial, tanto mediante servizos na nube como a través de solucións en local e tecnoloxías abertas.
A iniciativa permite valorar a viabilidade técnica, didáctica e normativa destas funcionalidades, prestando especial atención á realidade bilingüe de Galicia, á presenza e ao tratamento da lingua galega, á protección dos datos persoais e á trazabilidade, replicabilidade e transparencia das probas realizadas.
CIEDixLab sitúa no centro o proceso de ensino e aprendizaxe, recoñecendo o papel do colectivo docente como guía e facilitador, e do alumnado como protagonista activo da súa propia formación.
Obxectivos
Explorar o potencial das tecnoloxías emerxentes como apoio ao labor docente e ao acompañamento do alumnado.
Probar a integración de funcionalidades tecnolóxicas en Moodle, con especial atención ás baseadas en intelixencia artificial.
Analizar solucións de mercado baseadas en intelixencia artificial dispoñibles en contornos na nube.
Analizar solucións baseadas en modelos de código aberto, tanto en contornos na nube como en infraestruturas locais.
Avaliar a viabilidade técnica, pedagóxica e normativa das solucións analizadas.
Atender á realidade bilingüe de Galicia, con especial atención á presenza, calidade e tratamento da lingua galega nas ferramentas de intelixencia artificial.
Establecer criterios de análise que permitan valorar os resultados obtidos de forma obxectiva, trazable e replicable.
Identificar boas prácticas, limitacións e condicións de uso que poidan orientar futuras decisións sobre a incorporación das novas tecnoloxías nos contornos educativos.