AVATARES

O CIEDix e o Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa (TECNOEDUC) desenvolven, no marco do convenio subscrito entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Santiago de Compostela, o estudo piloto do proxecto AVATARES, en colaboración coa Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (AHCHUS).

Este proxecto constitúe unha proposta pedagóxica orientada ao deseño e validación dunha metodoloxía para a mellora da atención educativa do alumnado con enfermidades crónicas ou de longa duración mediante o uso de avatares robóticos.

Os avatares robóticos configúranse como sistemas de telepresenza  que se integran nas aulas ordinarias do alumnado hospitalizado, permitindo a súa conexión remota en tempo real. A través destes dispositivos, o alumnado pode seguir as actividades lectivas, interactuar co profesorado e co resto do alumnado e participar no desenvolvemento habitual da actividade educativa.   

Esta experiencia piloto desenvólvese con alumnado de Educación Primaria vinculado á AHCHUS, en coordinación cos correspondentes centros educativos de referencia.

 

Obxectivos

  • Avaliar o impacto do uso de avatares robóticos no benestar emocional, social e no sentimento de pertenza do alumnado.

  • Analizar a súa contribución á redución do illamento durante os períodos de hospitalización ou convalecencia.

  • Facilitar a continuidade educativa e a participación do alumnado mediante sistemas de telepresenza.

  • Determinar a viabilidade desta tecnoloxía como recurso para a inclusión educativa en contextos de atención hospitalaria e/ou atención domiciliaria.  

 

Entidades participantes