Rematan as sesións formativas de Full STEAM Ahead! en centros educativos de España, Portugal e Bulgaria
Mar, 21/04/2026 - 12:05
Sesión formativa Full STEAM Ahead!

Nos últimos días remataron as sesións formativas desenvolvidas polo persoal do CIEDix desde comezos de marzo en centros educativos de Vedra (España), Braga (Portugal) e Panagyurishte (Bulgaria), no marco do proxecto KA210 Full STEAM Ahead!

Durante as visitas ao CPI de Vedra, ao Agrupamento de Escolas Dr. Francisco Sanches e ao Nesho Bonchev High School, o equipo do CIEDix impartiu formación centrada no deseño e desenvolvemento de recursos educativos STEAM modulares, accesibles e preparados para a súa aplicación na aula. Estes materiais baséanse en metodoloxías activas, na aprendizaxe práctica e no uso pedagóxico de recursos dixitais.

O proxecto Full STEAM Ahead! ten como finalidade a creación deste tipo de recursos, así como a promoción do interese das nenas nas disciplinas STEAM mediante a incorporación de referentes femininos e dunha perspectiva de xénero. Ademais, contribúe ao fortalecemento da competencia dixital do profesorado e do alumnado e ao impulso de metodoloxías baseadas na investigación, no deseño e na experimentación.