Unha delegación da Beijing University of Chemical Technology (BUCT) achegouse ao CIEDix para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve o centro no ámbito da innovación educativa e dixital en Galicia, nunha visita realizada no marco da colaboración que a universidade chinesa mantén coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A visita contou coa presenza da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que acompañou a delegación durante o encontro e compartiu coas persoas asistentes as principais liñas de traballo vinculadas á innovación educativa e á transformación dixital do ensino.
Durante a xornada, os membros da BUCT coñeceron as instalacións do CIEDix e achegáronse ao labor que o centro desenvolve para apoiar os centros educativos de Galicia na incorporación de novas metodoloxías, recursos dixitais e propostas innovadoras orientadas á mellora dos procesos de ensino e aprendizaxe.
O encontro permitiu intercambiar experiencias arredor da innovación, a educación dixital e a cooperación institucional, contribuíndo a reforzar os vínculos entre Galicia e entidades internacionais no ámbito educativo, científico e tecnolóxico.