O pasado 12 de novembro, un grupo de estudantes do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela visitou o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) co obxectivo de coñecer de primeira man a súa estrutura, instalacións, equipamento e metodoloxía de traballo.
O grupo visitante, integrado por persoas en proceso de formación para adquirir as competencias pedagóxicas e didácticas necesarias para exercer como docentes no futuro, tivo a oportunidade de afondar no funcionamento diario do CIEDix e no seu papel como axente de innovación dentro do sistema educativo galego. Ao longo da visita amosaron interese polo modelo de traballo do centro, que combina a experiencia do seu persoal asesor co deseño e posta en marcha de iniciativas baseadas en evidencias, orientadas a apoiar o profesorado e a impulsar prácticas educativas máis efectivas nos centros de ensino.