A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto AVATARES, unha iniciativa innovadora dirixida a mellorar a atención educativa do alumnado con enfermidades crónicas ou de longa duración mediante o uso de tecnoloxía de tele-presenza.
Este proxecto ten como obxectivo facilitar a continuidade do proceso educativo do alumnado hospitalizado, permitindo que poida manter a conexión co seu centro educativo de referencia, participar nas actividades lectivas e conservar o vínculo co profesorado e cos seus compañeiros e compañeiras. A utilización de robots de tele-presenza contribúe deste xeito a reducir o illamento académico e emocional e a favorecer o benestar emocional e social do alumnado durante os períodos de hospitalización.
O proxecto AVATARES está impulsado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital da Consellería e polo grupo de investigación TECNOEDUC da Universidade de Santiago de Compostela. A experiencia piloto iniciarase durante o presente curso na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, coa participación de alumnado de Educación Primaria, así como do profesorado dos centros educativos de referencia.
Esta iniciativa supón un novo avance na atención á diversidade e na incorporación da innovación tecnolóxica como recurso ao servizo da inclusión educativa, reforzando o compromiso da Xunta de Galicia e do CIEDix cun sistema educativo máis equitativo, accesible e de calidade, capaz de dar resposta ás necesidades do alumnado en situacións de ausencia prolongada do ámbito escolar.