Os días 15 e 16 de outubro celebrouse en Zagreb (Croacia) a reunión intermedia do proxecto europeo Full STEAM Ahead!, coordinado polo CIEDix e no que participan centros e institucións educativas de España, Portugal, Bulgaria e Croacia.
O encontro permitiu avaliar os avances no desenvolvemento dos materiais educativos e coordinar as seguintes fases do proxecto, especialmente a pilotaxe dos recursos en diferentes países, niveis e contornos educativos.
Full STEAM Ahead! é un proxecto de cooperación Erasmus+ KA210 que ten como obxectivo promover o ensino STEAM mediante metodoloxías activas, experimentais e inclusivas. Para iso, contempla o desenvolvemento de recursos educativos dixitais que favorezan a indagación, a experimentación e a participación activa do alumnado.
Esta iniciativa reforza o compromiso do CIEDix coa innovación educativa, a internacionalización e o desenvolvemento de recursos educativos abertos, fomentando a colaboración e o intercambio de experiencias entre institucións europeas.