O Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) participou o pasado 11 de decembro en Braga (Portugal) no Kick-Off Meeting do proxecto Erasmus+ KA210 Full STEAM Ahead!, unha iniciativa europea centrada na mellora da calidade, a inclusión e a equidade na educación STEAM, así como no fortalecemento da cooperación transnacional entre centros educativos e entidades especializadas.
O proxecto, coordinado polo CIEDix, desenvolverase durante 24 meses e conta coa participación de entidades de España, Portugal, Bulgaria e Croacia, incluíndo centros educativos de diferentes etapas, organizacións especializadas en innovación educativa e entidades do ámbito científico.
Full STEAM Ahead! ten como obxectivo principal o deseño de recursos educativos STEAM modulares, accesibles e listos para usar, baseados en metodoloxías activas, na aprendizaxe práctica e no uso de recursos dixitais. O proxecto fai especial énfase na equidade de xénero, promovendo o interese das nenas polas disciplinas STEAM a través de referentes femininos e materiais con perspectiva inclusiva.
Este encontro inicial marcou o comezo dun proxecto estratéxico que reforza o compromiso do CIEDix coa innovación educativa, a educación inclusiva e o desenvolvemento de competencias clave para o alumnado do século XXI.