Presentación do novo modelo de webs corporativas dos centros educativos públicos
Mér, 02/09/2026 - 22:52

O novo modelo de webs corporativas dos centros educativos públicos galegos foi presentado hoxe no CIEDix, nun acto que contou coa participación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey; e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Desenvolvido conxuntamente polo CIEDix e a Amtega, este novo modelo pretende ofrecer unha experiencia máis sinxela, funcional, accesible e adaptada aos distintos dispositivos electrónicos, facilitando tanto a consulta da información por parte das familias e do alumnado como a xestión dos contidos polos propios centros.

A nova plataforma establece unha estrutura común, clara e recoñecible, con espazos para avisos, actualidade, calendario e accesos directos aos principais servizos educativos, ao tempo que mantén a flexibilidade necesaria para que cada centro conserve a súa identidade e dea visibilidade aos seus proxectos e iniciativas.

A renovación permitirá tamén avanzar en seguridade, estabilidade e sustentabilidade tecnolóxica, reducindo a complexidade técnica da plataforma e facilitando o traballo dos equipos directivos e do profesorado responsable das webs.