Créase o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX)

DECRETO 204/2022, do 24 de novembro, polo que se crea o Centro de Innovación Educativa e Dixital.

Lun, 09/01/2023 - 16:42
ciedix foto

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se crea o Centro de Innovación Educativa e Dixital, un novo órgano especializado ao servizo da mellora da calidade do sistema educativo de Galicia co fin de afrontar os retos de futuro no eido da investigación e a cualificación profesional.

Trátase da posta en marcha dun centro de referencia que permitirá identificar necesidades, analizar e deseñar metodoloxías innovadoras e realizar estudos sobre espazos e equipamentos e organización de aula co fin de implementar melloras aplicadas ao proceso de ensino-aprendizaxe.

O Centro de Innovación Educativa e Dixital contará cun director e un secretario e disporá de diferentes departamentos asociados ás áreas de traballo establecidas, con persoal asesor especializado para cada unha delas. A súa sede física será no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.

Entre os seus obxectivos estratéxicos están fomentar o desenvolvemento dun ecosistema de educación dixital, proporcionando tecnoloxías fiables, adecuadas e actualizadas, enfocadas á mellora da calidade, a eficiencia e a equidade do ensino. Outro dos retos é contribuír á mellora de habilidades e competencias dixitais do profesorado e do alumnado para acadar a transformación dixital dos centros educativos, así como ao desenvolvemento da profesión docente mediante a transferencia do coñecemento derivado de evidencias científicas e investigacións contrastadas.