O 23 de maio de 2024, Cristina Mercuri, xefa do Servizo de Investigación da Università per Stranieri di Perugia (Italia), visitou as instalacións do Centro de Innovación Educativa e Dixital. A visita, facilitada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación, enmárcase nunha mobilidade do programa Erasmus+.
Mercuri, cunha ampla experiencia na planificación, xestión e xustificación de proxectos nacionais e internacionais, foi recibida por Inmaculada Fernández Teijeiro, subdirectora xeral de Inclusión e Innovación Educativa. Durante o encontro exploráronse posibles oportunidades de colaboración co Centro de Innovación Educativa e Dixital.
Co obxectivo de impulsar a investigación e a innovación no ámbito educativo presentáronse os proxectos que se están a desenvolver, así como exemplos de boas prácticas. Debatéronse os retos actuais tanto de ambas as dúas institucións, como do sector educativo en xeral. A Università per Stranieri di Perugia está a crear e deseñar cursos de formación apoiados en tecnoloxías intelixentes, deseñados para mellorar a experiencia de ensino-aprendizaxe, personalizar itinerarios formativos e fomentar a innovación pedagóxica.