
O pasado 3 de abril, unha delegación formada por arredor de 30 persoas inspectoras e directoras escolares da rexión da Alta Franconia, no Estado federado de Baviera (Alemaña), visitou o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) co obxectivo de coñecer de preto as iniciativas que se están a desenvolver no centro durante o presente curso escolar.
Ao longo da visita, o equipo do CIEDix compartiu diversas liñas de traballo centradas na integración da intelixencia artificial no ámbito educativo, a mellora das competencias STEAM e a creación de recursos didácticos innovadores. Presentáronse, ademais, proxectos como a plataforma Ágora Dixital, o portal audiovisual Lenzo ou a rede de feiras escolares Liga Ágora, todos eles exemplos do compromiso do centro cunha innovación pedagóxica baseada en evidencias.
A xornada facilitou un diálogo enriquecedor entre profesionais de ambos sistemas educativos e puxo en valor a importancia da colaboración internacional para afrontar retos educativos comúns.
Esta foi a segunda visita ao CIEDix por parte dunha delegación da Alta Franconia, tras unha primeira en outubro de 2023, daquela cun grupo máis reducido, o que reflicte o interese crecente polo modelo galego de innovación educativa.