Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de innovación educativa
Lun, 22/01/2024 - 14:45
Galicia comparte con Andalucía o seu modelo de innovación educativa

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a consejera de Desarrollo Educativo y FP da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo, visitaron o 22 de xaneiro de 2024 o Centro de Innovación Educativa e Dixital, na Cidade da Cultura. A delegación andaluza interesouse polas distintas iniciativas que se están a desenvolver neste espazo para a modernización do sistema educativo e na mellora da cualificación do profesorado.


Neste momento están en marcha tres proxectos iniciais. O primeiro deles, Ágora Dixital, pretende crear un portal que forneza de información e contidos aos docentes no relativo a espazos dixitais en diferentes espazos vinculados coas temáticas STEM, a intelixencia artificial, a experimentación práctica, o deseño de espazos, etc.


Pola súa banda, o proxecto Lenzo nace co obxectivo de mellorar os espazos dixitais dos centros e a calidade estética dos materiais educativos (webs de centro, aulas virtuais, grupos de traballo, etc). Esta iniciativa inclúe o desenvolvemento dun portal colaborativo onde se aloxa un repositorio de contidos audiovisuais para o uso con fins educativos.


A maiores, estase a traballar na creación de dúas redes vinculadas con STEM: unha rede de Clubs de ciencia e outra de STEMbach. O obxectivo é dar visibilidade e fomentar o coñecemento das iniciativas que se están a levar a cabo, compartir exemplos de boas prácticas e fomentar os estudos deste ámbito.