O pasado 12 de xuño de 2024, José Andrés Echevarría Zuazo, director do Centro de Innovación en Tecnoloxías da Educación (CITED) de Cantabria, realizou unha visita ás instalacións do Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix). Esta visita reforza o compromiso do CITED coa súa misión de impulsar a transformación dixital na comunidade educativa de Cantabria, mediante a implementación de programas, proxectos e estratexias de innovación educativa e tecnolóxica.
Este encontro xorde tras unha visita previa ao CIEDix, o pasado mes de maio, dunha delegación integrada pola directora xeral de Centros e Infraestruturas Educativas e o director xeral de Calidade e Equidade Educativa e Ordenación Académica de Cantabria. O interese xerado xa no encontro inicial evidencia a importancia de establecer alianzas, compartir experiencias e recursos entre institucións de diferentes comunidades autónomas.
Durante a súa visita, Echevarría Zuazo tivo a oportunidade de coñecer as instalacións e o equipamento especializado do CIEDix, así como ao equipo humano que o conforma. Este equipo destaca pola súa dedicación e competencia no desenvolvemento de iniciativas e proxectos educativos innovadores, como Lenzo ou Ágora Dixital.
Este tipo de encontros son fundamentais para fortalecer as redes de cooperación e asegurar que as mellores prácticas e solucións tecnolóxicas se compartan e adopten de maneira xeneralizada. A colaboración entre o Centro de Innovación en Tecnoloxías da Educación de Cantabria e o Centro de Innovación Educativa e Dixital promete avanzar significativamente na transformación dixital da educación en ambos os dous territorios, beneficiando a estudantes, docentes e á comunidade en xeral.