Moodle, Open EdTEch, Google for Education e Apple na axenda de reunións do equipo do CIEDix
Lun, 10/07/2023 - 11:08
Representantes de Google for Education

Co obxectivo de manter canles de comunicación en materia de investigación e innovación educativa punteira, O CIEDix mantivo reunións con representantes das principais plataformas e sistemas de xestión da aprendizaxe a nivel global. 

En concreto, o pasado mes de xullo de 2023, o equipo do CIEDix mantiveron reunións de primeiro nivel con Carles Aguiló- Collado, Technology Partner Manager de Moodle, e  Martin Dougiamas, fundador e director xeral de Moodle. Moodle é o sistema de xestión da aprendizaxe colaborativo, de código aberto, empregado nas aulas virtuais dos centros educativos sostidos con fondos públicos en Galicia. 

Estas reunións serviron para clarificar aspectos cruciais para o futuro desta plataforma educativa. A colaboración e a integración de servizos externos perfílanse como fundamentais para o crecemento e adaptabilidade de Moodle. Exploráronse posibilidades de integración de intelixencia artificial, aínda que coa debida cautela tendo en conta a complexidade da contorna educativa. Subliñouse, ademais, o valor do software libre e o labor de Open EdTech, que traballa a prol das tecnoloxías educativas abertas e sostibles.

Alén das xuntanzas cos representantes de Moodle e Open EdTech, o equipo de traballo do CIEDix tamén mantivo encontros con representantes de Google for Education e Apple no marco da súa axenda de investigación e innovación educativa. Estas reunións ofreceron a oportunidade de explorar as últimas tendencias e avances no ámbito da tecnoloxía educativa.

No seu conxunto, estas interaccións ofrecen unha visión completa para orientar o desenvolvemento das plataformas e sistemas de xestión educativa, destacando a necesidade de adaptación continua nun panorama educativo en constante cambio.