O CIEDIX intégrase no Foro Social do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC vén de constituír o seu Foro Social, órgano de asesoramento externo no que participan 12 membros de entidades públicas e privadas dos ámbitos educativo, cultural, editorial, dos medios de comunicación, da investigación e da empresa, entre outros. O CIEDix forma parte deste órgano representado pola nosa secretaria e asesora, Lorena Barbeito Barciela.

 

Mar, 02/07/2024 - 19:39
Foro ILG

O Foro terá como principais cometidos debater as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento das actividades de investigación, difusión e transferencia do Instituto, prestar apoio na elaboración e implantación dos plans estratéxicos do centro e trasladar á sociedade información sobre o ILG co fin de que acade unha maior proxección na súa contorna.

Na reunión de constitución deste martes, a directora do centro, Elisa Fernández Rei, achegoulles aos membros do Foro información sobre a axenda científica do Instituto, as accións levadas a cabo para a promoción da súa investigación e para o aumento da súa proxección social, así como as actividades máis destacables que desenvolve para contribuír ao avance científico e tecnolóxico.

Presidido pola propia Elisa Fernández Rei, o Foro Social quedou constituído formalmente nunha xuntanza na que participaron a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja; o secretario da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Xosé Barato; a secretaria do Centro de Innovación Educativa e Dixital-CIEDIX, Lorena Barbeito Barciela; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes-CiTIUS, Senén Barro Ameneiro; a presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua-CTNL, Mónica Fernández Valencia; a profesora de Lingua Galega e Literatura no IES do Milladoiro, Valentina Formoso Gosende; o científico do Instituto de Ciencias do Patrimonio-Incipit do CSIC, César González Pérez; a vicepresidenta da Asociación Galega de Editoras, Ana María Guerra Cañizo; o membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia-CPXG Ramón Paz González; a responsable da oficina de I+D+i de Balidea, María del Carmen López Pérez; o responsable da área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Xusto Rodríguez Río; a alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, e a creadora de contidos para redes sociais Sara Seco Rial.