
Coincidindo coa celebración da reunión de peche do proxecto Erasmus+ KA3 “Fostering STEAM Education in Schools”, os membros do consocio coñeceron de primeira man o labor e as instalacións do CIEDix o pasado 23 de maio de 2023. Neste proxecto participa a propia Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que colabora con outras nove institucións de diversa natureza de Turquía, Portugal, Países Baixos, Lituania e Irlanda.
O labor do CIEDix coincide co deste consorcio internacional, que aglutina ministerios, universidades, consultoras e centros educativos, no relativo á promoción de enfoques innovadores e multidisciplinares para o fomento dos estudos STEAM nos centros educativos galegos. Neste sentido intercambiáronse experiencias que avogan por fortalecer as competencias críticas e creativas do alumnado, así coma servir de guía para o deseño de políticas que contribúan ao desenvolvemento STEAM na sociedade no seu conxunto.