O venres 15 de novembro tivo lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura a actividade formativa G2402023 – Redes STEMbach. Novas estratexias de ensino e aprendizaxe. Nesta cita, organizada desde o Centro de Innovación Educativa e Dixital coa colaboración da asesoría de STEMbach da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), presentáronse as principais novidades do programa para este curso escolar. Entre estas destacan a creación dunha nova rede STEMBach para ofrecer apoio tanto ao alumnado como ao profesorado e a incorporación do centro asociado da UNED de Lugo ao programa.
Durante o evento tamén se levaron a cabo actividades para fomentar a colaboración e traballo en equipo das persoas coordinadoras e responsables do programa nos diversos centros educativos que participaron nesta formación, así como a difusión de boas prácticas dos proxectos gañadores dos premios aos proxectos de investigación do alumnado STEMBach no curso 2023/24.
Por último, as persoas participantes tiveron talleres sobre o método científico, de deseño e de divulgación de proxectos. Na derradeira sesión da xornada reuníronse para esbozar as liñas xerais dun posible proxecto en común que foron perfilando durante toda a xornada.
Como parte do apoio ao profesorado, presentouse durante a actividade un espazo virtual onde o profesorado participante subiu os seus proxectos e onde poderán compartir recursos, guías de estratexias docentes e repositorios de charlas e actividades entre outros.