Un asesor do CIEDix participa na elaboración do informe europeo sobre Intelixencia artificial explicable en educación
Lun, 05/05/2025 - 11:17
Ai Squad 13

O asesor do Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix), José Viñas, formou parte do equipo internacional que elaborou o informe "Explainable AI in Education: Fostering Human Oversight and Shared Responsibility", recentemente publicado no marco do proxecto European Digital Education Hub.

Entre setembro e decembro de 2024, 34 profesionais de diferentes países integraron o AI Squad 13, un grupo de traballo especializado en intelixencia artificial explicable aplicada ao contexto educativo. A colaboración foi intensa e produtiva, cun total de 13 encontros en liña e unha reunión presencial clave celebrada en Bruxelas en outubro de 2024, que serviu para definir os eixes centrais do documento.

O informe estrutúrase arredor de tres piares fundamentais:

  • Os aspectos legais da explicabilidade da IA

  • A personalización da aprendizaxe mediante a IA

  • A alfabetización dixital e o pensamento crítico

Cada un destes ámbitos abórdase desde unha perspectiva práctica, con casos de uso reais e recomendacións aplicables para a comunidade educativa.

A participación de José Viñas nesta iniciativa representa un recoñecemento ao labor do CIEDix no ámbito da intelixencia artificial educativa, e consolida a presenza de Galicia nos espazos europeos de innovación e reflexión educativa.

O informe completo xa está dispoñible e constitúe un recurso de gran interese para profesionais da educación, persoas con responsabilidades políticas e todas aquelas persoas interesadas na integración ética, segura e transparente da intelixencia artificial nas aulas.