Galicia presenta en SIMO o seu modelo referente de educación dixital centrado no benestar e na innovación
Xov, 30/10/2025 - 10:10
SIMO

A Xunta de Galicia presentou no Salón Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa (SIMO), celebrado en Madrid, o seu modelo referente de educación dixital, que combina o valor do analóxico coas posibilidades das novas tecnoloxías para promover un uso responsable e centrado no benestar da comunidade educativa.


O Goberno galego contou cun stand propio, coordinado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix), no que se deron a coñecer boas prácticas e proxectos destacados. O CIEDix presentou, entre outros, o proxecto Ágora Dixital, unha plataforma educativa dirixida ao profesorado galego que ofrece recursos dixitais de curta duración e altamente especializados, centrados nas competencias STEM e na innovación pedagóxica. A plataforma organiza os seus materiais en seis labs: LAB-Microsecuencias (pílulas de aprendizaxe reutilizables para levar á aula), LAB-Espazos (consellos para transformar os espazos educativos), LAB-Estratexias (metodoloxías innovadoras de aprendizaxe), LAB-Ideas (recursos, convocatorias e espazo de participación), LAB-Expert (entrevistas con persoas expertas en STEM e educación) e LAB-IA (apoio ao profesorado que desexe iniciarse na intelixencia artificial).


Durante a súa visita a SIMO, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou que Galicia será a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei de Educación Dixital, pioneira tamén en Europa, e puxo en valor iniciativas innovadoras como Polos Creativos, Ágora Dixital ou cREAgal, todas elas enmarcadas na Estratexia de Educación Dixital 2030.