Persoal do Instituto estatal de Calidade e Investigación escolar de Baviera afonda no coñecemento do ecosistema educativo galego
Mér, 17/04/2024 - 13:11
Persoal do Instituto estatal de Calidade e Investigación escolar de Baviera no CIEDix

O Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDix) acolle unha nutrida delegación de persoal docente e técnico do Instituto estatal de Calidade e Investigación escolar de Baviera (Alemaña) co obxectivo de coñecer de primeira man o desenvolvemento do ecosistema educativo galego en materia de innovación educativa e dixital. Esta visita encádrase dentro dunha acción Eramus+ KA1, ao abrigo da cal parte do persoal do CIEDix foi convidado a visitar a institución bávara, centros educativos da zona e a Ludwig-Maximilians-Universität en Múnic.  
O persoal do Instituto xermano tivo a oportunidade de coñecer tanto as instalacións e equipamento do CIEDix, coma as principais liñas de traballo e proxectos do centro en materia de I+D+i, transferencia de coñecemento, internacionalización, transformación dixital e STEAM. Tiveron tamén a oportunidade de coñecer e empregar recursos do proxecto Ágora Dixital;  orientado á promoción do STEAM baixo un paradigma metodolóxico indagativo, manipulativo e motivador, cuxo lanzamento está previsto para as vindeiras semanas. 

A axenda de traballo contemplou igualmente sesións de presentación dos principais programas e proxectos do Servizo de Innovación e Programas Educativos, do labor da  AMTEGA en materia do proxecto E-Dixgal, e do traballo da Inspección educativa galega no referente ao proxecto EdugalIA. Este último implica o uso de sistemas de intelixencia artificial para loitar contra o abandono escolar.  


Durante a súa estadía, o persoal do Instituto xermano visitou diversos centros educativos da cidade de Lugo. Xunto coa directora xeral e subdirectora de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández e Inmaculada Fernández, a delegación afondou no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes na metodoloxía didáctica utilizada nas novas materias optativas sobre Intelixencia Artificial: Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes. Coñeceron tamén o Colexio Sagrado Corazón, en tanto que modelo de centro construído consonte o Plan de nova arquitectura pedagóxica, así coma o IES Sanxillao e o CIFP As Mercedes, ambos os dous referentes de innovación en diversas áreas da Formación Profesional.  
 

Por outra banda, a delegación desprazouse ás instalacións do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) co fin de afondar tanto na capacitación e formación permanente do profesorado galego, coma no programa de Polos Creativos. 

Image
Presententación do CIEDix á delegación do ISB

 

Image
Equipo do Instituto estatal de Calidade e Investigación

 

Image
Delegación bávara na Cidade da Cultura