A Universidade de Vigo acolle a presentación do proxecto Ágora Dixital do CIEDix para o estudantado de Educación Infantil
Mér, 23/10/2024 - 11:38
Presentación de Ágora Dixital na Universidade de Vigo

A Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo, acolleu obradoiro dirixido ao estudantado do grao en Educación Infantil. Durante o taller presentouse o proxecto Ágora Dixital, unha iniciativa do Centro de Innovación Educativa e Dixital que busca achegar novas tecnoloxías, enfoques pedagóxicos e competencias dixitais ao ámbito educativo.

A presentación foi realizada por Jose Viñas, asesor do CIEDix e coordinador do proxecto Ágora Dixital. Viñas explicou as liñas principais do proxecto e destacou a importancia de integrar as competencias dixitais no ensino actual, proporcionando ferramentas que faciliten a inclusión destas tecnoloxías e enfoques pedagóxicos na práctica docente. En concreto, o foco estivo no deseño e implementación de microsecuencias de aprendizaxe relacionadas coas áreas STEAM. Trátase de experiencias curtas en ciencia e tecnoloxía que poden aplicarse facilmente en aulas de Infantil, Primaria e Secundaria, e que seguen unha metodoloxía na que o estudantado aprende a través da exploración, da indagación e da resolución de problemas, mentres que o profesorado actúa como facilitador.

As microsecuencias están dispoñibles no portal de Ágora Dixital en formato aberto e editable, o que permite a súa adaptación a diferentes contextos educativos. Pódense revisar en 5-10 minutos e implementar en sesións curtas, podendo integrarse en programacións didácticas ou en actividades complementarias, como clubs de ciencia. Están elaboradas por profesorado galego con experiencia real a pé de aula. Por iso, inclúen un apartado de tips docentes onde se ofrecen suxestións prácticas para optimizar a experiencia de aprendizaxe en distintos contextos de aula.

A docente da Universidade de Vigo, Almudena Alonso Ferreiro, anfitrioa da sesión, acompañou o estudantado universitario e compartiu a súa experiencia. A través desta formación, os futuros mestres e mestras coñeceron as posibilidades que ofrece Ágora Dixital para o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores.

Esta iniciativa reafirma o compromiso do CIEDix a prol dunha formación inicial e continua do profesorado en competencias dixitais e cun ensino adaptado aos novos retos educativos. Neste sentido, o CIEDix continuará co seu labor divulgador mediante talleres para futuros docentes, incluíndo un próximo obradoiro dirixido ao alumnado do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, da Universidade da Coruña.